CON TINTA LILA

IMG_4859
Pasaba a nena…
Nós, as predicadoras, falabamos
para ela, que pasaba
da man de súa nai…

Pasaba a nai…
Nós, as predicadoras, falabamos
para ela, que pasaba
dándolle a man á nena…

Falabamos…
Pasaban…

Pasaban e pisaban
as palabras que caían como follas
na sombra proxectada sobre a historia por todas as mulleres.

Falabamos…
Pasaban…

Pasaban e pisaban
a forza de Lisístrata na contraarenga,
o saber sanguiñento no cadáver de Hipatia,
as esixencias duras de Flora Tristán,
as cinsas das obreiras da Triangle Shirtwaist,
a afouteza das rusas que comezaron a revolución,
ao ver que as criaturas lles morrían coa fame.

Falabamos…
Pasaban…

Pasaban e pisaban
tanta cera,
tanto veo,
tanta opresión,
tanto sangue,
tanta inxustiza,
tanto silencio,
tanta mutilación,
tanto dominio,
tanta mercadoría,
tanto desprezo
tanta sumisión
tanto maltrato
tanta ignominia…

Falabamos para elas que pasaban
alleas a si mesmas
pois toda a carne feminina é unha
e un o seu sufrimento.
Lugo, 8 de marzo de 2014

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, PALABRAS CON IRA, Poesía. Garda a ligazón permanente.