MEMORIAL DAS VÍTIMAS

1406721065_007140_1406721289_noticia_normal

I

ÓSOS

Levouno a catropea a man armada
arrincándoo da casa como a esa viga mestra
que terma do edificio.

Tiroteado,
intentou despedirse con escrita de sangue
na pel dunha nogueira á que abrazou
para non morrer só.

Tirárono na zanxa e foi espíndose
ata chegar a unha aramiada de ósos
mondos igual que pedras.
A caixa daquel peito
perdeu un día o derradeiro aire
que se elevou da gabia
como elexía que esparexe o vento.

Florearan á beira da cuneta as margaridas brancas
que medraran en terra de cadáver
mais ninguén sospeitou cal era o esterco.
E, en canto a terra asimilou os ósos,
callou definitivamente xa no olvido.

Inda aos seus asasinos
os honraban coroas de loureiro.

 

II

BOTAS

Despois de tres disparos que as fixeron tremer,
as botas souberon que perderan,
a calor que dá o trote aos pés dun perseguido.

Xa pechadas nun foxo,
souberon que perderan, aos pouquiños,
as células da pel que custodiaban,
da carne
e dos tendóns.

Na súa fixación á terra dura por tempo sen medida
esqueceron os ósos que gardaban,
-astrágalos, falanxes-
suxeitos aos artellos.
E soubéronse
elas mesmas perdidas na humidade barrosa.

Xa non tiñan lembranza
cando as recuperaron coa osamenta
e se moveron en segunda vez.

Así desmemoriadas
son Historia.

III

LUGARES

“Terribilis est locus iste…”

No castelo batido por un mar que acompasaba o ritmo
aos vergallos que atizaban dentro,
soaron berros longos que souberon
recoller as buguinas e as entraña das pedras.

¡Canta dor cobre o olvido
mentres os mortos cruzan o luar
brillando como nácar a sol pleno!

Se oiramos as voces que esterrexen,
se a memoria abrise o labirinto
que nos conduce a tanto masacrado,
leriamos as listas deses homes como versos dun salmo
e unha figueira vella
que aturou extramuros todos os vendavais
volvería dar sombra
e figos doces.

SANYO DIGITAL CAMERA

Publicados na revista de poesía DORNA, nº 38, 2015

 

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, PALABRAS CON IRA, Poesía. Garda a ligazón permanente.