COCIÑAR RECUPERA O VIVIDO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Caldo ou cocido auronsán

Viñéronme acompañar sabias mulleres ancaresas para facer este caldo. A señora Xenoveva, velliña de saia longa e fruncida que vivía de pedir, cos seus refráns: “En xaneiro/ saben as verzas a carneiro”. “O caldo que non leva un pouco unto/ non está no seu punto”. “O caldo para ser bonhe/ ten que levar do que doe”… Miña nai, que o facía poucas veces, mais moi rico… As que me acolleron nas súas casas cando fun mestra nova: Xulia e Leonor (Vilaver),e Pacientina e Dolores (Quintá de Cancelada)… Apeáronse todas do meu recordo, andaron pola cociña e acabaron na mesa. Déronlle a súa aprobación, aínda que o atoparon soso. Pero entenderon que cambian os gustos e a preocupación pola saúde.

Cociñar pode ser un acto de recuperación do vivido… O arrecendo non só nos leva a un recanto da memoria. Reconstrúenos, nun relustro, como fomos en calquera daquela… E percibímonos como quen fomos daquela, como quixemos daquela, como sentimos daquela… Hai cousas na sensación inexplicables porque vibrou o corpo e mais o espírito dun xeito que nos transporta a un lugar, a unha noite, a un amor… Pero que vai máis aló da memoria e non se pode sentir unicamente lembrando.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Caldo de berzas

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, Gastronomía, Prosa poética. Garda a ligazón permanente.