DEBERES E SABERES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Chegamos a tal situación verbo da chamada “xente nova” que é difícil saber a que subgrupo pertence cadaquén, segundo a idade e os hábitos que desenvolve. Chamamos nenas a rapazas de 12 anos que saen noite arriba, van ao botellón e poden acabar nun hospital en coma etílico ou, o que é peor, nun tanatorio. Este medio publicaba o pasado mércores que, desde comezos de ano ata o 31 de outubro, o 061 atendeu en Galicia a 409 menores por intoxicación etílica, entre eles unha rapaza de 13 anos. Triste sorte a da xente nova nunha época de dúbidas que a xente adulta proxectamos sobre ela. A nosa sociedade xa non sabe se protexer a prole e facela innecesariamente inmadura para afrontar axiña os problemas da vida en lugar de facela autónoma e responsable dos seus actos gradualmente. En épocas de pobreza estrutural as criaturas durmían cos pais por falta de espazo, mobiliario e roupa da cama. Conquistado ese “cuarto propio” ou, cando menos o berce propio no cuarto parental, volvemos agora coa teoría do co-leito como estratexia educativa de apego, esa mesma estratexia que proscribe a máis mínima frustración que puidera ir mosrtrando o principio de realidade na barreira do non que a vida lles vai poñer diante tantas veces.

Nesta incerteza do que se debe facer coas repazas e os rapaces para que reciban unha educación que os prepare para unha vida adulta o máis agradable posible para eles e para os demais, aparece a rebelión da familia contra os deberes escolares. É moi  complicado incluír na hoxe deostada palabra deberes toda a casuística do traballo que manda a escola e a dos porqués da oportunidade de facelos. Pode ser que nesa superprotección que se lles dispensa ás criaturas precisen unha persoa adulta ao seu lado que lles axude a interpretalos e despois a facelos. Esta é unha sobrecarga para nais e pais que non teñen nin por que saber facelo nin deben liberar ás criaturas do exercicio de os faceren en por elas, que era a finalidade para a que foron prescritos. Pero pode ser unha rebelión contra a rotina igualitaria de estar facendo o que xa se sabe facer. Eu deixaba claro hai poucos días que eses deberes repetitivos, non adaptados ás necesidades de aprendizaxe individual non tiñan sentido. Pero nunca pensei que lle escoitaría dicir a un pai de adolescente-moza que a vida da súa filla non acababa na escola nin na adquisición do saber. É unha afirmación de tal soberbia que me produciu moita lástima. Hai tempo a todo, pero non se consolida a madurez sen a reflexión persoal que repasa, organiza, fixa e fai exercicio de aplicación do traballo escolar de cada día con disciplina persoal en soedade. Comprendo que se esixa o cambio dun sistema educativo barato, desorientado e obsoleto, pero propiciar a rebelión contra o traballo que consolida a aprendizaxe lograda día a día e crea hábitos de diciplina no traballo pode ser un feito errado e perigoso na liña de probas que está sufrindo a educación nos diferentes ámbitos.

Publicado en El Correo Gallego (11-11-16)

 

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a DEBERES E SABERES

  1. fina di:

    Coma sempre, unha reflexión de verdade. Totalmente de acordo Helena. Un bico grande.

  2. Helena Villar di:

    Graciñas, Fina. Dediqueille moito tempo e sei o que pasa. Que claudique tamén a familia é moi preocupante, sobre todo cando se ve o resultado dun ocio mal dirixido. Unha aperta.

Os comentarios están pechados.