DE BOA FE

Sendo eu nena, Vitorino de Eixibrón paseaba polas feiras unha filla escrequenada de nacemento, cuxa idade era imposible de calcular porque a súa aparencia de nena non resultaba tampouco crible. En Becerreá poñía o posto de pedir –porque era un posto máis dos da feira- no fondo do costento calexón de Valcárcel –hoxe convervido en escalinata-, unha vía que unía os dous dos últimos tramos das memorables feiras da vila que a ocupaban toda. Apousada sobre un pano negro, aquel corpiño retorto movía a compaixón mentres a súa cara mostraba riscos da intelixencia que sabe interpretar a vida desde outro ángulo, eu diría hoxe que de xeito burlesco, ao ver pasar aquela xente de boa fe deixando a inda valedeira perrallada. A xente de boa fe sempre sentiu compaixón polas desgrazas alleas e en épocas relativamente recentes o paseo dos fillos malpocadiños rendía un tributo caritativo á súa familia para que puidesen mantelos. Eses esmoleiros con causa con tal oficio resolvían a súa vida. Daquela, as feiras eran o maior lugar de socialización, encontro e transación de operacións diversas. A sociedade da época –a de todas as épocas- precisaba un motivo para recorrer á aquela expresión tan consoladora: “Queixámonos por nada. Esta si que é unha desgraza, pobres”. E así se consolaban da desventura diaria dunha vida miserable na que se acudía ao médico in extremis porque había que vender unha finca para afrontar unha enfermidade. A ninguén se lle ocorrería reclamar un servizo social que se fixese cargo daquela desventurada e a retirase da circulación exhibitoria. Era, como se di agora, o signo dos tempos.

Pero todos os tempos traen un signo. Se hoxe parece impensable que se expuxese así a un ser humano, co que coñecemos como “caso Nadia” xa podemos pensar que non houbo máis que un gran cambio do escenario. Aquelas feiras espectaculares foron substituídas na parte económica por transacións comerciais e por platós de televisión no seu aspecto de foliada e rexoubeo. A estes novos espazos van mostras de ofertas e peticións de todo tipo, tamén as de familiares con criaturas quen buscan a solidariedade de quen precisa sentirse ben axudando aos demais, maiormente nos casos en que din ter que acudir á fonte limpa que poida liberalas dos seus males. Iso inda que saibamos que a nosa sanidade pública é un dos bens colectivos máis valiosos dos que inda podemos dispoñer e que o único que debemos procurar, conxunta e decidamente, é que non nos acaben con ela e nola doten ben para a investigación nos avances relativos á saúde que é capaz de acometer.  Cando salta a alarma dunha suposta estafa a tanta boa fe, todas aquelas persoas que contribuíron coa súa dádiva a unha farsa deste calibre, propiciada co apoio dalgún medio de comunicación, poden comprobar que as cousas non cambiaron tanto como pensaramos. E segundo avanza a investigación, tamén vemos que as criaturas poden non estar suficientemente protexidas mesmo da que supostamente é a súa familia.

Publicado en El Correo Gallego (16-12-16)

 

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS, Fotografía, XOGOS DA NATUREZA. Garda a ligazón permanente.