OS RECORDOS DO FRÍO

Os meus recordos de infancia van unidos ao frío. Daquela, a gran maioría viviamos nunha austeridade que arrepía hoxe. Na Galicia interior, e máis nas terras de montaña, o frío combatíase na cociña e co traballo físico. O calefactor dos meus pés quietos para coser era a plancha de carbón que permanecía acesa todo o día, máis para os nosos pés que para as costuras. Un día de feira entrou na xastrería un home que viña de pelexar co frío todo o día e dixo que se notaba que tiñamos calificación. Nin sequera se lle sabía ben o nome a ese luxo asiático que apareceu ao se estender entre a poboación un modo de vivir digno. As casas estaban desprovistas de toda a aparetería que funciona enchufada e responde ao nome común de “electrodomésticos”: cociña, microondas, forno, extractor de gases, prancha, frigorífico, batedora, cafeteira, equipo de planchado, termo, radiadores… Mesmo hai quen lava os dentes con electricidade e non quero cansar sendo máis prolixa. Aquela luz restaurábase co día, pero a calor non. E para ter luz, nas aldeas das miñas primeiras escolas contabamos cunha gama de iluminadores que tentaban parecerse ao día. De menos a máis fortuna: vela, petróleo e carburo. Co derradeiro elemento, alfabeticei nenos e nenas raiando a adolescencia porque non tiveran escola e eu tentaba paliar nas noites de inverno o desleixo dunha administración miserable. Eu mesma fun estudante universitaria con esa luz. Nas aldeas montañesas da década dos sesenta, era aforturnado quen contaba cunha bombilla brillando sobre a cabeza na cociña durante un par de horas co subministro dunha dinamo privada, cuxa presa atascaba a folla, día si e día non, durante os meses daqueles invernos xenerosos en auga. Finalizada a abundancia pluvial, apagábase e volta á candilexa co seu olor a petróleo e  contaminación que se pegaba ás ventas do nariz.

Ao percorrido por esta etapa histórica á que ninguén debería regresar, lévame o feito de que se adoite denominar a enerxía eléctrica como “luz” e se fale case exclusivamente da dificultade de pagaren o recibo da luz os milleros de persoas que conviven connosco padecendo “pobreza enerxética”, á que prefiro chamar pobreza sen máis, porque a pobreza dunha persoa ou familia non se estanca en escaques. Con enerxía eléctrica funcionan, ademais da lámpadas e dos utensilios que deixo nomeados, aparatos industriais cos que traballan pequenos autónomos e empresas que xa tiñan moi difícil sobrevivir. Penso, por exemplo, na electricidade que debe gastar unha granxa de gando vacún á que as cousas non lle van ben co prezo do leite. E no imprescindibles que se fan algúns aparatos que deben usar continuamente determinados pacientes nos seus domicilios. E das casas que utilizan enerxía eléctrica en exclusiva despois de se ir animando os seus donos a facelo coa promesa da batarateza da enerxía máis limpa… Non é a luz. É moito máis que a luz para desgraza da cidadanía sufridora que terma de todo o que lle cae.

Publicado en El Correo Gallego (27-01-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS, Fotografía. Garda a ligazón permanente.