FEBREIRO, MES ROSALIANO

A fundadora da nosa literatura contemporánea, e grande da universal, naceu o 24 de febreiro de 1837. A información que recibiu do seu nacemento situono no 23, razón pola que asinou nesa data “Follas novas”, como fixera con “Cantares gallegos” o 15 de maio, aniversario de Murguía. Das dúas datas biográficas máis importantes das persoas, a do inicio e final do seu existir, a de máis transcendencia é a primeira porque abre as posibilidades do desenvolvemento propio e da influencia social que poida exercer, extraordinaria no caso da nosa autora. Ela ergueu o idioma da postración na que se atopaba despois de varios séculos, dándolle memoria escrita nun dos libros máis queridos polos galegos de aquén e de alén mar, que eran moitos naquela sangría de Galicia. Verbo da nosa polifacética escritora, á data que se lle deu maior relevancia foi á do seu pasamento o 15 de xullo. Mais xa di nun artigo Plácido Castro que Galicia ben podía copiar de Escocia a visibilidade do cariño que mostraba ao seu poeta nacional, Robert Burns, ao considerar o día do seu nacemento como unha festa nacional.  E é que en Escocia, para homenaxear o poeta que se ocupou das zonar rurais, dos temas folclóricos dese territorio desde a perspectiva das clases populares, da pobreza, dos roles sexuais e mesmo da igrexa escocesa, celébrase ese día cunha cea na que, acompañado polo son das gaitas, se recita o seu poema “To haggis”. Para Plácido Castro o 24 de febreiro debería ser o Día de Galicia.

Nesta última década, a conmemoración do 24 de febreiro estendeuse na sociedade dun xeito sorprendente. Unha sinerxia de esforzos dalgunha xente fixo posible que a xornada se estea desenvolvendo como levedada. Hogano, desde a AELG anímase a agasallar ese día cun libro en galego e unha flor. Tamén promove que se realicen actos nos centros de ensino e en espazos públicos con colaboración de Concellos baixo o lema #RosaliaTe, conducentes a afondar na diversidade temática da obra rosaliana. Está elaborando o seu manifesto anual que se lerá o domingo 19 e anima á toda a sociedade a facer lecturas colectivas en vilas e cidades. Tamén solicita dos Concellos que declaren o 24 de febreiro “Día de Rosalía de Castro”, sendo ata o momento 49 os que se sumaron á iniciativa, conxuntamente coas Deputacións d’A Coruña e Lugo.  A maiores destas actuacións, que parten dos profesionais da escrita, estes días Rosalía vén de recibir dous agasallos que de alto valor simbólico: será a epónima do aeroporto de Santiago, desde o que partiu tanta xente para a emigración europea e mesmo americana nos últimos anos, e un avión das liñas áereas Norwegian lucirá unha das súas imaxes máis coñecidas no temón. A compañía noruega homenaxea a mulleres escandinavas e do resto de Europa que destacaran pola súa actividade benefactora para a humanidade. Que Rosalía estea nesa nómina debe encher de orgullo o pobo que ela serviu coas armas máis pacíficas de todas: o pensamento e a pluma.

Publicado en El Correo Gallego (10-02-17)

 

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos, FEMINISMO, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a FEBREIRO, MES ROSALIANO

  1. Las mutaciones en este gen originan diabetes moderada grave
    y en esta última las edades de aparición son variables (20). http://www.wantit.one/index.php?title=User:DonetteHilyard

  2. BHW di:

    Hi, I do think this is a great website. I stumbledupon it 😉 I’m going to come back once again since i have bookmarked it.
    Money and freedom is the best way to change, may you
    be rich and continue to help others.

Os comentarios están pechados.