SUMA E SEGUE

Había no lugar de Barra (concello de Cervantes), na segunda década do século XX, un home  liante que andaba na xustiza por asuntos de marcos, regas, gando en finca allea, herdanzas e todos aqueles asuntos que adoitaban enfrontar á nosa paisanía. Xuntara 20 causas abertas no xulgado de Becerreá e botouse unha mañá de cedo ao camiño para percorrer unhas tres leguas de distancia -segundo o Diccionario Madoz- e enfrontarse coa vista de unha. Inda en terras cervantegas, viu unha rapaza gardando ovellas e dixo, segundo contou ao chegar á vila: “E se teño unha causa máis, que máis dá?”. Por iso se parou a violala. Sentir as mulleres como propiedade á que os homes teñen dereito –vénme á cabeza a infamia do de pernada- é herdanza de vello. A deplorable e inhumana acción non mereceu causa. Inda había que tapala para que a mociña non perdese o creto. Vén de moi vello o abuso e foi moi consentido, salvo nos lances de duelo nos que se batían a morte dous homes para que a súa honra non quedara manchada, mais o que defendían era a propiedade das súas mulleres. Vén moi de vello e con vontade de continuar, porque non parece ter amaño. Por contra, medra como baloco de neve costa abaixo. E aumenta o número de asasinos que implican a máis mulleres da familia: sogras e fillas, propias ou só da parella.

Tan preocupadas andan a sociedade e as autoridades da orde por evitar os actos de terrorismo de altavoz que esquecen que este é o máis activo e perseverante de todos. Ten máis probabilidades hoxe unha muller de morrer a mans da súa parella ou exparella que por calquera outra acción organizada para sementar pánico e morte. E, como pasa co terrorismo máis fanatizado, os asasinos domésticos tamén lle perderon o medo ao castigo, pois moitos autoinmólanse detrás. Velaí unha razón máis para actuar antes de que aconteza o irremediable. Hai que vacinar mentes noviñas contra este virus letal mediante a educación proporcionada desde todos os ámbitos que inciden na vida dun neno, empezando por actuar sobre as familias para que corrixan vicios que van inoculando as falsas diferenzas. Nun parque infantil o outro día  unha nai recriminaba a un meniño duns cinco anos porque non se sentía ofendido ao mancalo sen querer un máis pequeno, que “por riba era unha nena”. E hai que desinfectar a mente de adolescentes e homes onde xa pode estar instalado.

Vén de vello, ben sei. Un antepasado meu foi pedir a man dunha moza da que levo sangue e seu pai cedeulla canda este consello: “Edúcaa como fago eu coa miña. Cando che diga para un lado, ti vas para o outro. E non lle concedas nada do que che pida. Que a primeira negativa temarache das outras”. Non cansarei de repetir que non abonda con preparmos as mulleres para se sentir e obrar como seres libres, se non preparamos os homes para que, sendo libres tamén, llelo permitan. É urxente a educación masculina desmitificadora da superioridade que se demostra coa posesión e co mando. Hai que salvar moitas vidas.

Publicado en El Correo Gallego (17-02-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS, FEMINISMO, Fotografía, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.