DÍA DA LINGUA MATERNA

A expresión lingua materna responde ao feito de seren as nais as educadoras na primeira infancia e é que se adquire ao lado de quen te cría nun contexto comunicacional afectivo que lle presta un gran apoio á súa aprendizaxe. Ela condiciona o aparato fonador e  sobre os primeiros sons imitatativos asentarase o proceso de adquisición do idioma: musicalidade, estruturas morfosintácticas e vocabulario. Xeralmente corresponde ao grupo étnico-linguístico co que a familia se identifica culturalmente e a idónea  para que a escola continúe a alfabetización. Así pois, todas as linguas son maternas, mais a gran maioría non ten garantizado que as critaturas adquiran nelas as catro destrezas superpostas da comunicación verbal: entender, falar, ler e escribir. De aquí xorde a chamada de atención da UNESCO que, despois de conquistas lingüicidas, de pasividade perante as linguas que desaparecen e de desprezo polos idiomas considerados menores, resolveu en 1999 proclamar o 21 de febreiro do ano 2000 Día Internacional da Lingua Materna  para o celebrar anualmente en todo o mundo e na propia sede da organización. Con esta acción pretende garantir a diversidade lingüística e cultural da humanidade, e o plurilingüismo. A data ten orixe no recoñecemento do Movemento pola Lingua Bengalí, que tivo lugar en 1952, cando a policía e o exército do Estado pakistaní, que ocupaba Bangladesh, dispararon á multitude falante dese idioma que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos.  A UNESCO apoiou a primeira celebración para concienciar os pobos da importancia de preservar a diversidade das linguas como un patrimonio común da humanidade. A celebración de 2016 xirou arredor do lema “Educación de calidade, lingua(s) de instrucción e resultados da aprendizaxe”, co recoñecemento de que a lingua materna debe ser a da alfabetización. Tal recoñecemento e a súa práctica van tamén encamiñados a avanzar na Axenda 2030, que busca o desenvolvemento sostible centrado na educación para que cada persoa participe activamente na sociedade, moi nomeadamente as nenas, as mulleres, as minorías, os pobos indíxenas e os poboamentos rurais, é dicir, os máis humildes entre os humildes.

Neste ano de 2017, a reflexión ten tres eixes temáticos fundamentais: 1. Políticas lingüísticas públicas federais, estatais, municipais e comunitarias. 2. Instrumentos de política lingüística. 3. Creación de produtos culturais (libros, audios, aplicacións, entre outros) e de servizos lingüísticos (intérpretes, tradutores, asesorías xurídicas, etc.). O interese da UNESCO pola protección do ben cultural irrepetible que é unha lingua, elaborada colectivamente ao longo de moitos séculos e configuradora dunha visión singular do mundo, queda reforzado polo feito de que a globalización necesite incorporar ao traballo persoas alfabetizadas que falen máis dunha lingua e pola necesidade de acabar coas grandes desigualdades do planeta segundo o lugar de nacemento das persoas.

Publicado en El Correo Gallego (24-02-17)

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos, DEREITOS HUMANOS, Fotografía, XOGOS DA NATUREZA. Garda a ligazón permanente.