O NECESARIO CONTEXTO

Por un deses apuros que nos mete o Entroido cando hai xente noviña á que se lle ha preparar un disfrace que nos guste e lle guste, mando un mozo mercar á mercería 1m. de vivo e el pregúntame abraiado que é iso. E chócame moito que mo pregunte, porque o mozo ten antecedentes de catro xeracións de homes e tres de mulleres relacionados coa confección artesanal das prendas de vestir. Non caera na conta de que el xa non estivo en contacto con ese traballo, porque antes –veremos que pasa no futuro- as familias ían ascendendo socialmente e porque o traballo artesanal tamén vai camiño de desaparecer se non se fai algo que o valore debidamente. Acabo entendendo, xa que logo, que a mensaxe o deixe descolocado. Para que se atrevese a pedir algo así sen recorrer eu á definición dunha palabra que ata no oficio de coser é polisémica, inda que con moitas semellanzas de uso, asegureille que a tendeira o entendería sen lle el dar máis que o  anaquiño do tecido que levaba para que casase a color. E, como eu supoñía, volveu morto coa risa de que unha tira xa preparada para facer o remate dun escote se chamase vivo e do ben que entendera a vendedora o que pedía a pesar dun significante tan estraño. O contexto é fundamental para a comprensión plena das mensaxes. Unha estrutura tan simple como “a parella”, significaría ata hai ben pouco –porque a realidade tamén muda- para un labrego, as vacas ou bois que se xoncían xuntos para traballar e para unha familia de xitanos nómades, a garda civil coa que preferían non bater. Hoxe fai referencia xeralizada á persoa coa que se convive afectivamente, sexa cónxuxe de dereito ou non. E para unha destas parellas, usada en diminutivo, viría a indicar que teñen nena e neno como descendentes. O contexto é o que nos permite aprender as palabras do noso contorno para ir adquirindo un dominio, cando menos parcial, da que ha ser a nosa lingua. E sucederá cando as escoitamos por primeira vez, cando aumentamos a nosa riqueza idiomática nese mesmo código e cando aprendemos un novo idioma. Na vida cotiá ese contexto dáse doadamente, e cada criatura aportará á escola palabras relacionadas co oficio e modo de vida das persoas coas que se cría, verdadeira confluencia dun pequeno universo. Tamén adquirirá certa complexidade idiomática se o nivel conversacional que lle serve de modelo ten estruturas  relacionadas cos procesos mentais que fomenta a escola a partir da lingua. Por iso, os centros de ensino deben ser igualadores para nivelar aquel alumnado que aporta estruturas máis elementais na súa expresión coa axuda de quen xa as posúe que, ben encamiñado, será fermento facilitador da aprendizaxe dos demais canda o da súa.

A palabra contexto hoxe é o comodín co que xente pública pretende enmendar o que xa pronunciou e non lle conviña ter feito. Daquela, di que se sacaron de contexto as súas palabras e pensa que a fórmula enmenda todo. Pero este contexto descontextualizado non lle vale de desculpa.

Publicado en  El Correo Gallego (03-03-17)

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos, Creación, Fotografía, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.