SUPERAR A BIOLOXÍA

 

As mulleres naceron para ser nais e os homes para ser pais, e deste xeito facer durar  e evolucionar a especie. Mentres tanto, deberían ir medrando, buscando de comer, tratando de sobrevivir, criando a prole e envellecendo para volver finalmente alimentar a terra. Nisto non se distinguían doutros seres que, dun ou doutro xeito, foran previstos para realizar as mesmas funcións. Esta finalidade foi superada pola evolución do ser humano sobre os outros, podendo apartarse na traxectoria dun destino que marcaba a bioloxía. De aí viñeron grandes cambios na diversificación das nosas vidas nos que entraron factores influíntes e decisivos para que esa diversificación non alcanzase os mesmos niveis e camiñe en direccións contrarias. Creouse un fenómeno de desenvolvemento que se chama riqueza e quedou tan mal repartida que se orixinou unha fenda que divide a xente entre rica e pobre, cada vez máis fonda e máis separadora. Á riqueza acompáñana moitas bendicións e á pobreza moitos infortunios. Pero a diversificación máis dual e inxusta que foi desenvolvendo a civilización é a debida ao sexo co que nacemos e conformamos. Ser muller ou home marca decisivamente a vida das persoas con calquera outra circunstancia, engadíndolle un plus de inxustiza que foi ben aceptado. Inda que no mundo occidental a diferenza tende a ser reparada por leis igualatorias que nacen da Declaración dos Dereitos Humanos, en moitas áreas do planeta segue a ser moi forte, facendo das mulleres cidadás de segunda categoría. Nos países que se teñen por máis civilizadaos, a igualdade é unha conquista non culminada pola que loitar todos os días concienciando as propias mulleres de que nin a bioloxía, nin a relixión, nin a cultura as pode relegar a unha posición social e económica inferior por non teren nacido homes.

Fomos remitidas ao doméstico polos que se fixeron donos do poder, do saber, do mando e do destino de quen nacía nena. En xeral, foi nese espazo onde nos confinaron para coidarmos a prole, e os parentes enfermos e anciáns, e rexermos a cociña, a casa e as compras cos cartos que aportaba o home por un traballo profesional máis ou menos cualificado, sen que o noso merecese soldada. Na casa en que entraba alguén axudarlle nos labores asignados á que era rica, era outra muller pobre quen moitas veces traballaba polo caldo e o arreconchego para durmir en cuberto ou deixaba o fogar propio na man da súa nena máis vella.  Se formamos cos homes parte do espazo público, falta que tomen eles en maior medida o espazo privado para compartimos tamén coidado e atención aos nosos e o traballo doméstico. Esta é a batalla pacífica que temos que librar. Non pode quedar sen traballo remunerado e enxalzador ningunha muller que o desexe. Non pode descoñecer ningún home as faenas duras e gratis que se xeran na comunidade doméstica. Só así superaremos a bioloxía con dignidade humana, compartindo poderes, saberes, afectos, coidados, salarios e horarios de dencanso.

Publicado en El Correo Gallego (10-03-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS, FEMINISMO, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.