UN RAMO DE ROSAS

Se eu fose home e vise un gran anuncio institucional do noso goberno cunha  panorámica de Compostela como fondo de varias mulleres, no que se di: “O máis grande que ten Galicia son as súas mulleres”, podería reaccionar de dúas maneiras. Sentir empatía por elas e quedar moi amolado por esta hipérbole tan desnortada e con tan pouco  sentido hoxe. Ou estar plenamente de acordo coa afirmación e felicitar as que atopara no camiño por eses valores louvados polo secular patriarcado cun ramo de rosas. Non contemplo unha terceira reacción: sentirme ofendido porque non digan iso mesmo dos homes e montar unha trifulca contra as feministas que están conseguindo que as institucións se movan a favor da muller, discriminando o home. Verbo do que podo pensar se xogo o papel neutro de muller allea a min, é posible que ata me sentise afalagada tomándoo polo piropo máis galante co que se nos poida agasallar. Ou enfadarme por xogaren connosco como se fosemos nenas que se angaiolan co caramelo de ter unha grandeza envexable. E xa por último, a miña propia reacción foi quedar estupefacta e lelo varias veces para asegurarme de que o texto dicía iso.

Quen tal afirma non ten máis que contrastar a situación real en que quedamos estancadas socialmente e ver como afecta este estado á nosa grandeza. As soldadas máis baixas que os homes, a maior dificultade para entrar no mercado laboral, a ausencia dos postos de responsabilidade nas institucións e nos consellos de administración das grandes empresas, o acoso debido ao xénero, a dificultade para poder ser nai se así se desexa xogando o posto de traballo ou véndose obrigada a declarar esta súa intención nun cuestionario de aspirante, a ocupación dos traballos menos cualificados, a violencia de xénero pola súa parella ou exparella perante a que moitas perden a vida, os xuízos por violación se non se opón suficiente resistencia para a defensa, as declaracións aberrantes de personaxes públicos que poden dicir sobre elas calquera barbaridade que lles acaba saíndo gratis… Por se isto fose pouco sinal de grandeza perante a que descubrirse, volveu a segregación escolar sostida con cartos públicos como nos mellores tempos da escola franquista, avanza consolidándose a feminización da pobreza, as avoas son traballoras a tempo completo para coidaren criaturas que non poden atender as nais e son as proveedoras de axuda para poder alimentalas, a atención aos dependentes da familia sen recibir soporte nin económico nin de descanso… Cada nena que nace ten un alto índice de probabilidade de sufrir discriminación polo seu sexo e, se non cambian as tendencias, realizará a maior parte do traballo non retribuído porque os recortes en axudas sociais como o coidado de menores e dependentes incrementan a súa desigualdade. Aquí paro e volvo mirar para o cartel que recollín nunha fotografía de prensa o outro día. Se somos o máis grande por soportar todo isto, agradécese que non nolo digan tan claro. Disimulen.

Publicado en El Correo Gallego (17-03-17)

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS, FEMINISMO, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.