DÍA MUNDIAL DA POESÍA 2016. HOMENAXE A MIGUEL HERNÁNDEZ NO 75 CABODANO DA SÚA MORTE NO CÁRCERE COMO PRESO FRANQUISTA

HABITACIÓN DA SÚA CASA DE ORIHUELA

O MILAGRE DA ANAINA

Alondra de mi casa,
ríete mucho.

Miguel Hernández.

 

¿Como cantar desde unha cela impía

cantigas de esperanza, anainas de sosego,

soñar esa xeada que cae limpa nos campos,

entre insomnios e reixas?

 

¿Como evocar lavercas, azahares,

xasmíns ou risas no silencio escuro

coutado por angustias e dolores,

paredado con medos?

 

¿Como non escachar tan pronto a pluma

ousa citar o lume desde o frío,

os bicos desde a ausencia

e o xílgaro máis libre desde a gaiola inmunda?

 

¿Cómo pedir amnesia para os males

cando o cofeo da perversidade

e a pezoña inxectada nos derrota?

 

Pero a anaina, poeta, ti si sabes

que é milagre profano,

que sae do profundo –risa pluma por pluma

e se grava na lúa

para canda ela gatuñar montañas,

e chegar ao barrelo no que dormen

os meniños de carne aleteante,

primeiro o teu Manuel e sempre outros.

 

Eu tamén sei que a anaina da cebola

deixou plumas branquísimas no aire

para apearse del aquela noite

na que eu cumpría dezaoito meses

e ti marchabas cara á eternidade.

 

E pegóuseme ao sangue noviño coma o orballo

e nel prosegue señardosa, quente,

libre como un barbeito de papoulas.

FIGUEIRA QUE SOBREVIVIU A MIGUEL

Abuín, xaneiro de 2010

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, PALABRAS CON IRA, Poesía. Garda a ligazón permanente.