DO NACEMENTO AO DÍA MUNDIAL DA POESÍA

A poesía foi a primeira expresión literaria de todas as culturas. A función creativa da lingua naceu  para cantar o que pasaba na pequena contorna na que os primeiros grupos humanos empezaban a desenvolverse. Os fenómenos que asustaban, os feitos que apaciguaban, a experiencia emocional que empezaba a acumularse, os cambios da terra nas estacións, o nacemento e a morte, todo precisaba unha voz xa liberada da pura animalidade. Os aspirantes a humanos deixaron de berrar e de laiarse como única expresión con sons larínxeos e crearon a comunicación simbólica coa voz articulada dedicándose a cantar as cousas, porque inda non as sabían contar e menos facer reflexións pausadas. Tamén había que transmitir o legado experiencial para que non acabara coas persoas e coas xeracións. E de aí naceu a necesidade de buscar fórmulas que permitisen gravar e aprender coa maior fidelidade os contidos que serían perfeccionados e aumentados polas xeracións que se facían cargo daquela memoria inda tinxida coa maxia que conservará a infancia de todos os tempos. Cada pobo foi desenvolveundo a lingua e buscando unha forma de coutar este pensamento rítmico para que fose máis doado de recordar e de repetir. Os marcos podían ser paralelismos, combinación de forzas e lonxitudes silábicas, concordancias de sons e de cadencias… E xa creado o molde propio, puideron ilo enchendo coas fantasías que explicasen todo o que lles foi axiña perceptible: o ben e o mal, a vida e a morte, a grandeza e a derrota, a recompensa e a venganza, o amor e o desamor, … E foron nacendo heroes e heroínas que sostivesen as esperanzas ou que metesen medo, os vencedores das batallas, a orixe humana na grandeza dos deuses, os deuses vingadores das ansias de grandeza dos humanos, as forzas animadas da natureza, os premiadores e os castigadores que puidesen manter os pobos unidos ou enfrontados… As orixes da humanidade non puideron ser doadas e o espírito de loita e permencia había que desenvolvelo e alimentalo coa luz e coa forza daquela palabra mítica, chea de ritmo e creatividade, forzada a expresar as emocións de forma ben distante á comunicación habitual.

Esta forza inda pode mover o mundo para facelo mellor, máis habitable e máis solidario na manifestación da súa diversidade e na libre circulación de ideas. Como tal ben, foi considerada pola UNESCO cando promoveu en 1999 un día para a súa celebración, o 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera que, no hemisferio norte, anuncia o rexurdir da vida tras do letargo invernal. O principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades, promovendo o ensino da poesía facendo dela unha vía de expresión que lles permita transmitir os seus valores e reafirmarse na súa identidade restablecendo o diálogo poético co resto das manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música ou a pintura.

Publicado en El Correo Gallego (24-03-17)
 

Esta entrada foi publicada en Artigos, Creación, Discurso, Fotografía, XOGOS DA NATUREZA. Garda a ligazón permanente.