LITERATURA INFANTIL. De Saint-Exupéry a Casares

Un ano antes da súa morte, Saint-Exupéry publicou “Le Petit Prince”, vertida cedo ao galego por Carlos Casares, o gran creador literario que intuíu divinamente como hai que escribir para a infancia. Esta grandiosa fábula universal é boa mostra da literatura que poden ler nenas e nenos. O terceiro libro máis vendido do mundo –detrás da Biblia e de O Capital– nin é doado de comprender (non é preciso que entendan todo o que len, chega con que o reinterpreten máis tarde), nin trata dun tema lúdico porque é pura filosofía vital, nin ten patrón didáctico aínda que faga pedagoxía dos sentimentos. É unha obra mestra pola carga de emoción tan ben dosificada por un escritor que esparceu a tenrura no simbolismo da fábula. A tradución de Casares está tan ben feita que dá a sensación de estar lendo o orixinal, mesmo a quen temos manexado este con frecuencia. Carlos Casares escribiría algunhas das páxinas máis brillantes da nosa literatura para infancia deixando nela pegadas de vontade estética, contidos dun mundo referencial, carga semántica e esa dose do absurdo que subxace na percepción e na expresión das criaturas noviñas, que é ás que el adoite dirixirse. Na relación asimétrica que se establece entre quen escribe para a infancia e a propia infancia que le, debe haber por parte do creador complicidade na transmisión de valores, emotividade da linguaxe como xogo, humor, un toque de absurdo, moita fantasía, esforzo de adaptación ao estadio de desenvolvemento da linguaxe nese anos e a técnica que dirixa todo o proceso para o converter en literatura.

Téñome preguntado por que os estudosos consideran a literatura infantil como un xénero diferente aos outros. Por que mesturan a narrativa, a lírica e o teatro, nunha soa categoría á parte. Certo é que esta literatura está toda ela traspasada por un sentimento especial creado pola actitude de quen se enfronta á recuperación da propia infancia amamantando un estado de ánimo primaveral permanente, que é o que lles corresponde aos anos da gran plasticidade. Pero non se pode dubidar de que a infancia receptora lle esíxe ao creador tela en conta cunha actitude, teorizada ou inconsciente, para pórse a traballar. É esa actitude quen lle permite recuperar a emoción dos primeiros xogos verbais (ritmo e sonoridade), vivenciar a adquisición dos contidos culturais nos que chegou a crer e regresar desde os esquemas máis conscientes ao inconsciente colectivo. E considero eu que sempre o fai a través dos xéneros establecidos ata hoxe. Tomando como modelo a valiosa obra infantil de Carlos Casares –que sorte ten este ano o profesorado coa programación das actividades para celebrar o Día das Lestras Galegas-, inda que toda ela estea traspasada dun certo lirismo emotivo, cando escribe contos narra mesmo ás veces de forma moi próxima ao que fai nos seus relatos curtos e cando escribiu “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” non hai dúbida de que el escribiu unha obra de teatro.

Publicado en El Correo Gallego (31-03-17)

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos, Creación, Fotografía, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.