FALAR EN PÚBLICO E A SÚA RELACIÓN COA DEMOCRACIA

Pedíronme xa hai tempo que impartise unha charla sobre “Falar en público” para unha asociación cultural e fun repasando e tomando nota dos contidos que debía integrar o título. Atopei hoxe o guión e sorprendeume o que preparei daquela, cando falar en público tiña predicamento, pois era unha capacidade que se apreciaba e se procuraba facer con dignidade. Daquela había oradores políticos brillantes e debates –moi de recordar “La clave” de Balvín- onde as persoas que interviñan se esmeraban en opinar con criterio e tamén con brillantez formal. O convite que se me fixo ten inda sentido, porque falar en público é actividade propia da vida que se desenvolve en democracia. Nela infórmase, comunícase o pensamento libre e reclámanse dereitos persoais e colectivos por parte de calquera integrante dunha sociedade que procura espazos e foros desde os que dirixirse a un público que comparte as tres funcións da palabra democrática: informar, opinar e defender dereitos. A democracia supón o uso da palabra por persoas especializadas no seu manexo en diferentes tribunas e tamén pola xente do común, que adquire con esta forma de goberno o acceso á opinión e á participación na vida social. Polo tanto, a educación da cidadanía, xa desde os niveis obrigatorios do ensino, ha ter en conta que debe desenvolver esta habilidade para a que a poboación debería estar suficientemente estimulada. Hoxe, polo contrario, unha ten a impresión de que esta práctica decaeu moito, pois abonda ver como desenvolve o papel de tertuliano calquera indocumentado lingoreteiro, como vai esmorecendo o pensamento crítico exposto de forma oral organizada, e como decaeu a emisión de programas que outrora creaban opinión e debate e hoxe producen espazos romos aplaudidos por unha audiencia pouco esixente consigo mesma.

E xa o colmo do descenso é a matonería que destilan sobre todo políticos inda novos que debían ser a esperanza dun cambio de rumbo para rexenerar a palabra pública. Refírome a cando aplican o sesudo razoamento de que as cousas se fan porque lles sae de salvaparte pudibunda, xustamente esa compoñente do corpo masculino que debía estar sometida ao que nos dicía un profesor de Pedagoxía Evolutiva da Universidade Complutense, do que tristemente non recordo o nome, ao ditame da “antropoloxía ortostática” : o corazón por encima do sexo e a cabeza por encima do corazón. Pois ben, ademais do machismo rancio que desprende o necio estilo destas palabras ou doutras do mesmo campo semántico para manifestar poder, aprezo ou decisión, feito non tan minoritario como cabía esperar, o tal indica a incapacidade para desenvolver un discurso público razoado, sostido por ideas que poidan ser debatidas por outro discurso das mesmas características e diferentes puntos de partida. Por entre esa palabra libre, pensada e debatida é por onde flúe o río democrático que conduce do pensamento á acción e da acción á unha vida máis máis libre e máis xusta para a sociedade.

Publicado en  El Correo Gallego (07-05-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, DEREITOS HUMANOS. Garda a ligazón permanente.