#PASAXEIRAS. O COTIÁN COMO UNHA VIAXE IRREPETIBLE

“#Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible” é un proxecto interactivo de persoas e artes que se van sobrepoñendo nos diferentes niveis de construción. Vén de estar exposto no Palacio de San Marcos de Deputación de Lugo e agardamos velo axiña noutras salas porque o esforzo dun traballo da súa calidade e da súa  innovación creativa así o merece. E non só pola súa factura, senón tamén polo tema, xa que trata de entretecer os vimbios das viaxes diarias da xente para afrontar a súa vida que, en moitos casos, son precedidas xa polas longas viaxes dun tempo marcado polas migracións promotoras de cambios moi notorios no mundo e tras dos que se agacha a dor das  despedidas. O labor comezou cunha serie de retratos a xente anónima que unha pasaxeira do tren entre A Coruña e Santiago de Compostela, Aymará Ghiglione, foi facendo coa cámara do seu móbil durante varios meses. Son mulleres e homes de diferentes idades e diversas fasquías que pasan o tempo de ida e volta da viaxe de formas ben distintas. Aymará Ghiglione foi subindo esas fotos á  rede social Instagram co hashtag #passengers, tras do que unha comunidade internacional de fotógrafos e fotógrafas instagramers retratan a vida nos medios de transporte público no mundo. O traballo tiña a suficiente potencia para promover un debate crítico multidemensional e permanente, e a autora abre as posibilidades de intervención a máis artistas provenientes de disciplinas tan variadas como a pintura, a literatura a música e o audiovisual. A partir das súas imaxes constrúese un mundo creativo intervido polas outras artes que acaba rendendo homenaxe a estas persoas anónimas con dimensións que non permiten ser abordadas nas redes sociais. Aymará Ghiglione seleccionou 16 fotografías representativas das múltiples variables e a partir destas imaxes dixitais a artista Marta Paz pintou 12 cadros dándolles aos personaxes nova vida e novo significado, pois no cadro adquiren unha expresividade matizada e complementaria que os arriquece. A estas novas imaxes acompáñanas  as pezas audivisuais de Jose Lemur e Roge Fernández que transmiten a experiencia dunha viaxe en tren, pois recrean os sons e as imaxes fugaces que nun vagón deste medio de transporte se producen e meten a nosa vida nunha paréntese.

A exposición complétase coa aportación de cadanseu microrrelato de Luz Darriba, Rocío Fraga, Ángela Triana, Pablo Gallo, Kike Ganso, Lucía Aldao, Manolo Barreiro, Mabel Montes, Nieves Neira, Luís Valle, Helena Villar e Rubén Panete, inspirados nos protagonistas anónimos das fotos, e cunha peza audiovisual de caracter intimista de Laura Pernás. O deseño expositivo, realizado de Beatriz Asorey, xoga coa creación de atmosferas que axudan á inmersión e fan partícipe ao público da cotidianeidade. O catálogo expositivo incorpora textos da Deputada de Cultura, Mª Pilar García Porto, da Xerente da Rede Museística da Deputación, Encarga Lago, e das escritoras Micaela Darriba e Estíbaliz Espinosa.

Publicado en El Correo Gallego (28-04-17)

Esta entrada foi publicada en ARTE, Artigos. Garda a ligazón permanente.