POEMA MITOLÓXICO AO PICO SACRO

 

I

Ben deitamos de que os deuses e os heroes

subiron ás montañas buscando alí poder e soedade,

pois nos cumes naceron grandes mitos

despois esparexidos en chairas e valgadas

xa circundadas de domesticación

onde é menos doado

que o cosmos nos integre aos seus enigmas.

 

Corpóreos coma nós son eses cumes

con formas masculinas que o sol perfila ao erguerse

e a lúa feminiza pousándoos sobre a noite.

Igual ca nós gardan nos seus espazos

as moradas perdidas de toda a señardade.

 

II

Claudia Lupa romana, por desexo castrexa,

casara con Lobecio e parira a Privano

sendo dona de terras, de gandos e poderes

naquel tempo sen límites confuso como a brétema.

 

Sant Iago andaba errante nos sucos de Galicia

traído por discípulos na súa barca pétrea.

Buscaban Sar arriba un locus para o enterro

e acaía que fose no circundo lupario.

 

O milagreiro apóstolo xa salvara a Privano

dunha batalla acuática do arredor dalgún vicus,

e seguía camiño na barca ata que a terra

se impón como vereda que precisa xugada.

 

Xugada e sepultura. E a endeusada raíña

mandou parte dos homes a consultar en Duio

no templo de Ara Solis onde facer sartego

e era todo un engano que os levou á cadea.

 

Librounos dela un anxo que os volveu á raíña

e ela tenta mofarse unha segunda volta

ofrecéndolles bois do pico do Ilicinio,

que hoxe din Pico Sacro, para transportar pedra.

 

Un dragón custodiante da cova que dá ao inferno

prohíbelles o paso e eles erguen con brío

o talismán da cruz que rebenta o maligno,

mais descobren que os bois eran touros moi bravos.

 

Repiten o remedio de lles mostrar a cruz

para así amansalos e eles dobran as patas

dianteiras baixando as cabezas humildes

e con eles camiñan para os volver a Lupa.

 

En véndoos todos xuntos a soberbia raíña

préstase xa vencida a facer o sartego

no que Sant Iago garda repouso na Fisterra

que veu buscando en barca do outro lado do mundo.

 

Hai quen di que os bois mansos foron buscando o sitio

e subiron o carro ao cume do Ilicinio

para despois baixalo ao bosque Liberdvnvm

onde o sagrado corpo foi por fin sepultado.

 

 

III

Chámanos,  Pico Sacro,

Monte das Aciñeiras,

Ilicinio.

Chámanos ao teu cume

para mirar o sol que enterra o día,

e escoitar o amencer que resga a noite.

Chámanos cos ecos que entretecen

tambores percutidos polo tempo.

 

Sairán os ancestros dos ancestros

pechándonos o paso ao noso soño,

pero ningún ser libre existe sen batalla

e na ascese podemos ripar das flores brancas

talismán avogoso contra os dragóns e serpes

que se agochan nos pregos da memoria.

 

Chámanos, que subimos

a abrazar o universo.

Publicado en Pico Sacro. ferido polo lóstrego e a lenda, Alvarellos Editora, 2017

 

 

 

 

Esta entrada foi publicada en MITOLOXÍAS, Poesía. Garda a ligazón permanente.