O TRAXE DUN DÍA

AS DERRADEIRAS UVAS

Hoxe non se presenta ningún cliente a un xastre pedindo que lle fagan un traxe para un día. Xa custa atopar a xastrería clásica porque o Pret-à-Porter deu o seu golpe de man case definitivo e non se fai roupa de home á medida máis que moi luxosa, propia de quen se empeña en levar elegancia por fóra e, ás veces, o desfalco público no faiado da conciencia. E é inda menos probable que exista o cliente adulto de mediana idade que decide ter feito un traxe –polos Ancares inda lle podían chamar “vestido”- gardado para unha ocasión que podía presentarse e daquela a roupa só se podía encargar cando había con que pagala. Se o cliente tiraba a idade avanzada, seguro que estaba pensando no día en que tiveran que o amortallar para un enterro digno. A morte hai que esperala no tempero, inda que poida vir a calquera hora. “Il iba de camisa limpa/ e zoquiñas brancas./ Os amiguiños levábano./ Non pesaba nada”, di Pimentel en “O enterro do neno pobre”. Era raro que morrera ningún home maior que non tivera prevista a prenda da derradeira viaxe. Se quedaba algún,  a familia tiña que recorrer á xastrería para amañar unha mortalla cos dianteiros da chaqueta figurados e a espalda aberta para llo poder vestir. A roupa dun día opoñíase á roupa de diario. No medio quedaba a roupa dos domingos. Xa que logo, tampouco será doado atopar quen vaia facer roupa de diario, porque o diario hoxe é “casual” e non se distingue a clase social da maioría da xente pola roupa. Non hai roupa de diario que se poña os días soltos do domingo ou festivo, ou se vista ao poñer o pé na casa para conservar a outra. Hoxe lévase –no sentido da moda- o lucimento todos os días e a todas horas. Á xente noviña faina máis feliz mancharse, segundo algúns anuncios de deterxente. A prenda vai á lavadora co produto anunciado e queda nova para o outro día e a criatura queda educada para cumprir os desexos artísticos de pintar todo animada polo spot que lle gusta ver para rir. Unha nena criada na austeridade fóra de época –que desatino familiar!- dicía que as súa primas caducaban a roupa cando se poñían a xogar polo chan cos vestidos que traían dunha festa.

Eu ía falar de traxe dun día e a roupa de diario, de galas dun día e da roupa de cote (as últimas formas son usadas por Rosalía en “A xusticia pola man”) para ver os cambios nos usos idiomáticos que acarrean os cambios sociais. Hai xiros na miña xeración que se perden na fala actual e cuxos cambios producen desconcerto en textos herdados de inda hai pouco. Co esmorecemento e as transformacións do mundo rural perdeuse o sentido de moitas frases, de moitos versos… Pasa coas obras de Rosalía, e cos relatos de Castelao ou Cunqueiro, é dicir, con obras de clásicos ás que había que dar cabida nas aulas como lecturas explicadas, porque non é de esperar que o alumnado teña acceso a edicións anotadas e privalo do coñecemento mínimo destas obras é furtarlle  o tesouro do pasado literario próximo e da cultura que reflicte.

Publicado en El Corrego Gallego (05-05-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, Creación, Fotografía, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.