UN DÍA NON ABONDA PARA A LINGUA

O 17 de maio de 1833, a nai de Murguía paría, de paso por Arteixo nunha viaxe, o neno que foi un dos grandes intelectuais do país, e non só do país. Tal día de 1863, Rosalía asinaba os libro “Cantares Gallegos”, facéndolle un agasallo ao seu home, Manuel Murguía, no trixésimo aniversario. Tal día de 1963, a RAG proclamaba esta data “Día das Letras Galegas”, rememorando todo o anterior e para poder sacar a lingua ao fóro público unha vez ao ano sen atrancos gubernamentais e dedicándollo a unha escritora -empezou por Rosalía- ou escritor dos falecidos cuxa obra merecera ser recoñecida pola poboación que na súa gran maioría era analfabeta na lingua de Galicia, inda que a falaba normalmente. Estaba vetada nos usos máis simbólicos, pola reacción contra a cultura propia: escola, igrexa, xustiza, profesións liberais e a lingua escrita en xeral, agás as obras literarias que pasasen a censura. Este día nace no campo da creación literaria, pero a súa proclama foi un revulsivo social que permitiu unir as vontades de quen precisabamos un espazo para sentirmonos nós sen ataduras, poder entoar o himno e facer unha festa cívica da galeguidade á que ano tras ano se foron sumando persoas e entidades que popularizaron esta celebración. Cómpre recordar as circunstancias nas que naceu o “Día das Letras Galegas” para referenciar en que o debiamos converter nos tempos en que a lingua é oficial, está ou debe estar presente en todos os campos dos que fora arredada e o alumnado foi pasando desde o curso 1980-81, segundo consta nos currículos oficiais, polas clases de lingua galega e ensino dalgunha outra materia impartidas no idioma que ergueu Rosalía coa publicación mencionada.

En principio non debería ser día festivo, pois non hai nada que o xustifique se non é coutalo da mobilización social que precisa usándoo en todos os campos para facelo ben visible no intercambio reinvidicativo dunha xornada de traballo plural. Porque hoxe é un día como outro máis do calendario, sacada a parte de homenaxe literaria que a RAG queira render a quen posúa unha obra que mereza ser difundida e estudada. Hoxe, con todo a favor, a situación da lingua é palpablemente precaria, a pesar desta anomalía do 17 de maio, xornada na que recibe a amorosa entrega dos Concellos, as Deputacións, a Xunta e outras institucións, canda os centros de ensino que fan todo o posible para destacar a excepción con entusiasmo e entrega. Coa perda acelerada de falantes entre os máis novos porque a familia en xeral non freou o proceso de substitución, co último decreto de ensino que recorta o galego no seu uso e priva as criaturas máis noviñas do seu contacto escolar nos mellores anos para a aprendizaxe, co descenso de publicacións en lingua galega fronte ao que sucede nas outras comunidades con lingua propia, co escaso apoio que lle prestan polo xeral os medios de comunicación audivisual e escrita, debemos ter moito coidado de que non nos morra de éxito un 17 de maio.

Publicado en El Correo Gallego (20-05-17)

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos. Garda a ligazón permanente.