PRIMEIRA COMUÑÓN

O recordatorio da miña primeira comuñón está datado o 27 de maio de 1948, festa de Corpus Christi. Inda non cumprira eu 8 anos, pero as organizadoras de eventos parroquiais mandaron razón á casa de que debía facela, pois  sabía todo o que hai que saber. Pedían que me vestisen de branco porque iamos en grupo. Estou no anverso cun vestido que fixo miña nai, bonito por certo, veo longo de tul, libriño de nácar, rosario e faltriqueira. Cando me fotografou María Roca –que gran fotógafa!- para que o recordatorio estivese a punto, nun descanso montei así vestida no triciclo dos seus nenos. Seica sabía o necesario para comungar, pero non para coidar galas que non se correspondían co meu estatus social e as ía lucir forzada. O texto di que foi o día máis feliz da miña vida, mais non foi certo. E non por lle chama vida aos 7 primeiros anos, senón porque no acto da confesión da véspera, alguén pouco piadoso me roubou o paraugas con man de marfín en forma de cabeza de elefante. Levaba na man de miña nai 10 anos e era o paraugas familiar, polo que o desgusto foi moi grande e eu chorei como culpante, xa que o sentido de culpa si que o tiña suficientemente desenvolvido. Como se comungaba en xaxún, ás nove da mañá alguén me pisou o veo e quedou resgado. Para a misa procesional das 12, vestía xa veo curto e grazas a que se lle puido dar unha traza. Fomos facer a foto de grupo, esta creo que en “La Palma”, e xa non recordo nada máis. Inda así, foi un día moi especial porque percibín que o olor de Deus saía dos ramos do “Philadelphus coronarius” que enchían a igrexa e esa sensación acompañarame toda a vida.

Hoxe, non habendo esas presións desde o círculo da Igrexa, todo ao contrario, e sendo en teoría máis libres para decidir ante as imposicións sociais, as comuñóns convertéronse nun acto referencial de alto rango, sobre todo para as nenas que xogan unha especie de trasnoitado rol de princesas ao estilo Sissi ás que se lles rende a economía familiar para estar á altura. O xuíz de menores de Granada, Emilio Calatayud, bota ano tras ano un sermón laico no seu blogue sobre estes dispendios pedindo mesura nos festexos das comuñóns porque algo hai que deixar para cando casen. Debe ser doado caer nesta trampa do mundo consumista. Se a nena vai como unha princesa, á nai tócalle ir de raíña e aí acae outro traxe de luxo. E o pai non vai quedar moi atrás, inda que non se atreva a tanto. As convidadas non queren desdicir moito tampouco. A comida ten que estar a ton e despois veñen os agasallos. Se antes era a perrallada que cabía na faltriqueira, hoxe vai desde un dispositivo móbil de última gama a unha viaxe a Disney World. E mentres tanto, as auténticas princesas visten un traxiño con carpín alto, camisa, gravata e chaqueta, ou sexa, o uniforme escolar algo ornado para a gala, nun acto de sinxeleza. A única que estropea esta mensaxe  moderna e austera é a raíña, vestida de guipur polo seu deseñador Felipe Varela, que así protagoniza o acto.

Publicado en El Correo Gallego (26-05-17)

 

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.