ESCOLLER OS NOMES DAS CRIANZAS


Cando nace unha criatura –agora antes de nacer, ao predicirlle o sexo- é un problema escollerlle nome porque hai que atopar consenso que satisfaga a parentela. E non é doado, que os nomes andan nese tren que chamamos “moda” e nos atolandra cos seus boureos. Foron sempre coa moda, porque ela existiu en todas as épocas inda que non tivera a aspiración de gobernar os gustos sociais como agora con tanta difusión. Xa dicía Castelao que quen non queira andar á moda de hoxe está condenado a andar á moda doutro tempo. E houbo moitas relacionadas coa antroponimia. A de poñer nomes xa familiares e emotivos, que facía moi difícil contentar a todos, inda que tiña a ventaxa das listas elaboradas con tempo. A de endilgarlles o nome dun dos santos ou santas con celebración o día de nacer. E tendo un santoral por veces con máis de media ducia de intercesores celestiais por día, obrigaba a decidir con precipitación para chegar a un acordo e quizabes estea aquí a causa de que moita xente quedase asentada no rexistro varios días despois do nacemento. Outra era que as madriñas ou padriños, segundo fose nena ou neno, decidisen como se había chamar.  Neste caso, presentábanse dúbidas de se o nome casaría co futuro de quen o portara. Se era morena, non se lle debía poñer Branca e, se resultase altivo, non sería cousa de lle chamar Modesto. Efectivamente, non é doado atinar cun nome que ten connotacións que entende calquera. E a moda castigo que pretendía ser edificante coas paridas solteiras á conta das criaturas inocentes e consistía en que o párroco impuxese un nome dos máis feos do santoral. Así, podían cargar con esta cruz Tiburcio, Odulfo, Fandila, Cunegunda, Consorcia ou Burgundófora.

Nos Ancares, e non só, conservaban un nomenclátor humano heteroxéneo, moi enraizado na historia: Hermenegildo, Recesvinto, Agripina, Clotilde, Hermógenes, Alcides, Domitila, Basílides, Eduvigis, Estéfana, Leonilda e Gertrudis. Cos medios de comunicación xeralizáronse nomes de famosos e coa globalización internacionalizáronse. Tivemos invasións de Fabiola, Soraia, Lorena, Vanesa, Kevin, Jonathan, Iván… Téndese tamén á recuperando dos propios da nosa cultura: Iria, Antía, Brais, Aldán, Xacobe, Xiao, Olalla, Aldara… E mesmo entraron algúns procedentes do éuscaro, ou do catalán en menor medida. Os antropónimos saíron do santoral e foi notorio o caso dos pais que conseguiron poñerlle Lobo ao seu fillo. Tamén hai Lúa, Navia, Airas… Outros acomódanse á modernización descolocándolles os acentos ou creando novos hipocorísticos apocopados: os José son Jose (Xosé xa sería moderno en por si recuperándoo), os Manuel son Manu, os Francisco, Fran e as Azucenas, Azu. A última moda é non elixir nomes de vellos, como seica son Etelvino ou Casilda. E está moi ben. Cada nome debe casar con cada idade. Así que haberá que ilos cambiando segundo van pasando as etapas da vida, non sexa que todos os nomes empecen a ser propios da infancia e acaben séndoo da vellez.

Publicado en El Correo Gallego (02-05-17)

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, Fotografía, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.