DITOS PARA IRMOS TIRANDO CONTRA OS VENTOS

“Non se gañou Zamora nunha hora” ou “Máis se perdeu en Cuba”, son ditos para soportar as frustracións que nos vai deixando o mercadeo coa vida. Porque a vida é un comercio entre o desexo e a realidade, que poucas veces chegan a trato. E para nos ir consolando do desaxuste aparecen ditos paliativos sacados dalgún feito extraordinario. Algo máis da metade dos parados maiores de 55 anos pensan que non volverán ao mundo laboral e temen o aspecto económico da súa xubilación involuntariamente adiantada. Non os pode consolar o tempo que tardou en se gañar Zamora. A outros moitos colectivos e persoas pásalles o mesmo. Para que un dito sexa valedeiro hai que verlle certas probabilidades de aplicación co que se trae entre as mans. Así que a sentenza, que nace en “La Celestina” (“En una hora no se ganó Zamora”), non vale de moito en tempos de aceleración. O segundo dito fai referencia á Guerra que España mantivo cos Estados Unidos en 1898 na que perdeu os últimos territorios do imperio americano. Inda soe engadírselle “e volveron silbando”, engadindo máis resignación, pero non foi así. Aquel acontecemento considerado desastroso chegou a arrastrar ao pesimismo a toda unha xeración de escritores que leva o nome dos últimos díxitos da data.

Claro que nestas cousas de guerras pode pasar de todo co transcurso do tempo. E inda simultaneamente. Os bos adoitan venderlles armas aos malos, que alguén llelas vai vender. As armas foron sempre negocio perverso,  mortífero pero moi produtivo. Un negocio que mata e asola, pero ao que parece difícil renunciar, porque cando se emprende é para sacar diñeiro a toda costa. Segundo o “Centre d’Estudis per la Pau J.M. Delàs”, o valor das nosas exportacións de armas elévase a 4.052 millóns, tendo a Oriente Medio como cliente prioritario. E despois da destrución e do sangue quente correndo sobre a terra, veñen os tratados de paz ou a paz por si mesma para cambiar os puntos de vista ao xulgar os feitos. Que os que na guerra de Cuba eran insurrectos para os españois, eran patriotas para os cubanos. E os heroes de noso –soemos engadirnos como suxeitos da historia en calquera época para poñer énfase-, como o Eloy Gonzalo que prendeu lume ao refuxio da fronte de Cascorro, eran uns asasinos. Puntos de vista que trae o tempo, porque non se gañou Zamora nunha hora. Os tempos da historia son moi lentos e quen diría que lle iamos atopar pexas á aquela transición posfranquista que fois considerada modélica. Aquí si que non cómpre pensar que máis se perdeu en Cuba e quedar tranquilamente. Hai que poñerlle remedio de forma impecablemente democrática. Porque a democracia, o mellor réxime de goberno que se ten descuberto ata hoxe, permite cambios necesarios para a protección, dignidade e proveito da cidadanía. E as constitucións democráticas non son intocables, porque conteñen en si mesmas a posibilidade de seren modificadas para se adaptaren aos tempos e cambios que desenvolven as sociedades.

Publicado en El Correo Gallego (17-06-17)

Esta entrada foi publicada en Artigos, Creación, DEREITOS HUMANOS, Fotografía, XOGOS DA NATUREZA. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a DITOS PARA IRMOS TIRANDO CONTRA OS VENTOS

  1. Seriously, such a handy web-site.
    [url=http://www.tailorandkelle.com/As-Roma-fotbollstroja-p-925153.cfm]roma tröja[/url]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *