MARÍA VICTORIA MORENO

Fotografía sacada do Álbum de Mulleres, do CCG

Estaba aí tan recolecta que nin moitas das persoas que estivemos cercanas a ela e coñecemos ben  a súa valía e os seus méritos nos lembrabamos dela como candidata idónea, por moitas razóns, para protagonizar as Letras Galegas do 2018. En canto o seu nome foi seleccionado para poder ser elixida, acendéusenos a luz e a confirmación deste entusiasmo está no apoio que recibiu a través das redes sendo trending topic o pasado sábado. Non é doado facer unha elección aplaudida por todas as persoas que adoitamos opinar sobre as Letras Galegas, que afortunadamente xa somos ben delas, xa que esas Letras Galegas poden mirarse desde moitos puntos de vista. Porque Rosalía, a escritora que no fondo é homenaxeada sempre pola elección da data e o motivo que a suscita, as cumpriun case todas. En primeiro lugar, recolleu a lingua e elevouna da súa agrafía á literatura e á lingua de comunicación normal que acabaría sendo. Este último feito inda está en proceso, pero xa non se lle nega ao idioma galego a capacidade de comunicación a todos os niveis e en todos os rexistros. Polo tanto, aprezar unha lingua e elevala ante o alumnado no Instituto de Lugo, como fixo María Victoria Moreno, é un mérito que debe terse en conta e que posiblemente se tivo. Porque desde a súa presenza en Galicia a principio dos anos sesenta, abrazouna como propia para a súa comunicación e a súa pluma literaria. Ela adoitaba dicir que non era escritora alófona, termo que se aplica a aquela persoa que escribe nunha lingua allea, porque tiña o galego como seu e nel pensaba e quería en voluntario acto de amor. Outro servizo valioso para as Letras Galegas foi ensinar esa lingua adquirida no seu nivel estándar, porque o pobo depositario dela era ao mesmo tempo analfabeto no seu idioma. María Victoria ensinouna gratis et amore a grupos desexosos de a saber a través de distintas asociación, sendo na súa tarefa precursora do que irían facendo outras persoas xa destinadas a iso.

Unha gran necesidade das Letras Galegas era crear ficción que posibilitase á xente noviña e nova ter acceso á súa literatura para vivir nela o lecer, a aprendizaxe idiomática,  e o desenvolvemento cognoscitivo e emocional. A calidade das súas obras literarias para estas idades está sobranceada polos premios, pola súa consideración internacional e polo número elevado das súas edicións. Foi unha das pioneiras dunha literatura sen apenas tradición nas nosas letras, dando paso a autoras e autores de calidade que continúan aquel labor. Inda era necesario sistematizar o estudo das Letras Galegas Literarias que esixía o acceso á Universidade. E aí estivo disposta a colaborar, como por exemplo no manual “Literatura Século XX”. Non hai baremo para os méritos dunha elección con miras a estudar a obra de alguén que traballou polas Letras, para espallar o seu coñecemento e darlle a merecida honra polo seu traballo. Creo que todo isto se conxuga moi ben na elección de María Victoria Moreno.

Publicado en El Correo Gallego (23-06-17)

Esta entrada foi publicada en A LINGUA QUE NOS UNE, Artigos, LITERATURA, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.