CHÍCHAROS POLO SEU

Vou á praza de abastos e vexo chícharos (sempre os chamarei hervellos polo seu nome ancarés) e sei que serán caros porque están xa algo fóra de época e iso encarece os produtos. Pregúntolle polo prezo á vendedora e dime que custan a catro euros o quilo, porque a súa familia ensaia outro modo de vida concorde coa saúde do planeta. Respectan a terra e os seus produtos agrícolas son totalmente ecolóxicos, como os de antes, “polo seu vaia”, e este é un cultivo máis laborioso e lento. Eu tratáballe neles por gustárennos pero, ao saber a historia do seu cultivo, intereseime máis a pesar do canon que acarree coidar a Terra. Nunha conxuntura na que o planeta quere indicarnos cara onde vai cos nosos cambios, inda que algúns se fagan os necios empeñándose en nolo negar, é o momento de poñérmonos a traballar xuntos, cadaquén na parceliña que lle toca, para deter este deterioro brutal do que sairá a Terra pero non imos librarnos ben nin nós nin os nosos descentendes próximos. Son os granciños os que fan a fanega e a medio prazo xa empezarían a notarse estes contracambios, tamén os económicos, con que tales modificacións nos beneficiarían. E merquei os hervellos para usalos ben administrados como elemento que mellora moitos pratos ou como vexetal protagonista á moda francesa cunha fritada de cebola, leituga e folliñas da Mentha spicata, comunmente coñecida por “yerbabuena”.

Unha pode volver destas compras para a casa coa dúbida de se realmente paga ese canon por algo que despois resulta ser unha estafa, pero cos hervellos é moi doado de comprobar. E non só cos hervellos, senón tamén coa froita, moi especialmente coas mazás e as peras. Ponse unha a debullar  esta leguminosa para tirar os grans da súa varxa e cando leva unhas cantas axiña aparece unha proba patente do seu cultivo ecolóxico: o verme en dúas fases de desenvolvemento da súa eiruga. Na mesma varxa adoita deixar non máis de dous grans adentados, polo que case sempre están os outros intactos. Eis o bichiño que nunca aparecerá en plantas tratadas con pesticidas en plena floración para que a bolboreta, xa libre, non deixe a súa posta no óvulo co fin de se perpetuar. E o que de pequena vía normal, porque así viñan sempre como pasaba con algunhas mazás e peras da horta de gran arrecendo, sabor e variedade, volvo velo agora como un galano da vida que asegura que o que comemos non foi envelenado, cando menos con pesticidas, desde as orixes para aumentar a produción logrando así o aplauso de consumidoras e consumidores que se deixan cegar polas colores brillantes e lustrosas, polos froitos perfectos de idéntica forma e calibre, polas variedades foráneas creadas en laboratorio, por todo aquilo que nos debía facer desconfiar de que sexan dados así pola natureza e pensar que estamos comendo alimentos tratados con aditivos que van de herbicidas a conservantes, pasando por abonos químicos, praguicidas, pesticidas e ata por embelecedores, nada bo para a nosa saúde.

Publicado en El Correo Gallego (30-06-2017)

 

 

Esta entrada foi publicada en Artigos, Creación, Fotografía, Gastronomía. Garda a ligazón permanente.