O COLEXIO “MONTE CAXADO” DAS PONTES CERRADO POR EXTINCIÓN

Entre nós e no presente, ao que adoita referirse o verbo extinguir é aos incendios forestais. Tamén se extinguiron os dinosaurios e non digo a escravitude, porque adoptou outras maneiras. Volvendo a hoxe, a extinción dun colexio non é habitual é diríase que, se  se extingue, é porque non queda alumnado, que en Galicia pode pasar se non tomamos traza procreativa e nos extinguimos nós mesmos. Pero dou fe de que o Monte Caxado ten alumnos e alumnas –eu inda non o vou dar por extinto-, porque tres ou catro días antes de lles levaren a nova o infausto 22 de xuño, mentres daban as notas e se despedían ata setembro, eu estaba asinando pegatinas personalizadas para que  o alumnado dunha clase que conseguira o exemplar de “Contos do Sol e da Lúa” regalados por Gadis o Día das Letras, llelas puxera. Nas visitas á biblioteca “gratis et amore”, aproveitando algunha viaxe á vila coa que teño lazos moi especiais e amizade moi fonda con profesoras e profesores das dúas etapas deste centro, tiven tamén ocasión de comprobar que había nenas e nenos e ben deles moi ansiosos de aprender.

Rematada a carreira de Ciencias da Educación, tamén eu me deixei tentar pola mellor saída que lle viamos ao estudo: a Inspección Técnica de Educación. E presenteime á oposición que se realizou no curso 1973-74. Era unha competición difícil porque tiña como segundo exercicio unha “encerrona” sen temario sobre calquera asunto que puidese concernir ás Ciencias da Educación, desde a teoría pedagóxica á organización escolar, pero non houbo problema para superar este paso. En canto á terceira proba, a práctica, consistía en resolver un caso no que a Inspección Técnica tivese que actuar. No momento de efervescencia da Lei Villar Palasí, propuxéronnos a organización do ensino nunha poboación media na que había que contar con centros públicos e privados e facer concentración. Cadaquén colleu a lei e resolveuno concorde con ela. Difícil debeu ser decidir quen o fixo ben e quen o fixo mal, pero saíron aprobados e suspensos. Non tendo eu pasado aquela proba, si teño que agradecer a esta oposición que me integrase a formación ata daquela desvertebrada e me proporcionase un certo dominio do procedemento administrativo da educación, a nivel teórico e práctico.

Non creo que esta extinción puidese pasar un exame práctico. Ten, cando menos, un defecto de forma moi salientable. Se quen a ordena considera que é para mellorar o ensino, debeu desenvolver ao longo do curso un diálogo coas comunidades educativas dos tres centros implicados -os que van recibir o alumnado son prexudicados tamén por esta decisión- para lles mostrar esas melloras e conseguir a súa aceptación. Porque non se pode resolver un asunto deste alcance -hai incluso diferencias de organización da xornada escolar que libremente elixiron as familias para a matrícula- sen seren oídos os interesados. E informar o equipo directivo cando a extinción xa constaba no DOG do día 4 de xuño non é procedemento indicado nunha democracia, que debe facer da escola un espazo de desenvolvemento da súa práctica.

Esta entrada foi publicada en Artigos, PEDAGOXÍA. Garda a ligazón permanente.