MEU QUERIDO SETEMBRO

Nel nacín, nel casei e nel fun nai. É o mes que me agasalla coa señardade de recordar non sei que que está perdido, quizabes as badaladas da novena do Santo que, xa andando setembro, marcaban o despene do sol riba do outono.

Setembro engadiulle á miña vida unha forza que, de non vir ao meu encontro, eu sería outra. E gústame a que son, aínda que posiblemente me gustaría tamén doutras maneiras. A piques de cumprir os trece anos, decidín estudar. Trouxen a aspiración na cesta do pan sobre a cabeza desde o Forno da Feira ao barrio de Letrún, onde fun vivir aos catro anos xa en casa propia. Meus pais aceptárona a cambio de traballar eu tamén para poder financiarme e de nunca suspender nada. E eu puxen o meu esforzo en ser o que daban os posibles económicos da familia: mestra. Logo puiden conseguir, xa cos meus cartos autónomos mentre traballaba no ensino, unha licenciatura e o diploma de francés da Escola de Idiomas.

Non puido ser o canto vocación e profesión, pero foino o ensino. E, contra o que di o refrán, o hábito fixo a monxa. En lugar do canto foi vindo despois a poesía, que traía da man toda a ourivesaría das palabras. E a vocación de narrar o que pasa ao meu redor e dentro de min, algo aprendido da oralidade na xastrería de meu pai, que era un auténtico Ateneo

Meu querido setembro, sexas benvido outravolta co teu sol –e tamén xa co meu propio sol- caendo sobre o outono.

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, PAISAXES, Poesía, Prosa poética. Garda a ligazón permanente.