SAÍR AOS COGOMELOS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

DA MAN DO MESTRE CUNQUEIRO

Chegada xa a este punto, boto man dun artigo de Cunqueiro, El viaje al bosque, publicado en El Progreso de Lugo o Día de Defuntos de 1956 e recollido en O reino da chuvia (Deputación de Lugo, 1992).

Di Álvaro Cunqueiro que, aproveitando a volta do sol ao mundo por crebaren as lentas brétemas do outono, foi ao monte a recolectar setas e axiña atopou unha familia de “entolomas lívidas” (Entoloma lividum) co seu característico olor a fariña recén muda. Como sabía que eran velenosas, alí as deixou e seguiu buscando por entre a folla caída ata atopar nas morangueiras unha tribo de “clitipoli brunili” (Clitopilus prunulus?), que tamén ole a fariña pero é un bo comestible, e que as levou para a casa con mentes de as refogar con manteiga, salalas, saudalas con pementa e un amecido de faragulla de pan, e facer con elas un festexo.

O tema do outono e os cogomelos permítelle a Cunqueiro evocar a un Rousseau que sabía distinguir os entolomas e que nunha das saídas na súa procura empezou a vagabundaxe; ao calvinismo da cidade de Xenebra, máis hipócrita que herética, causante coa súa intolerancia de que o entoloma acabase sendo velenoso; a aqueles poetas orientais que lles chamaron ás delicadas cerámicas do periodo K’ang Hsi a sombra dun paxaro azul; e aos violíns de Hungría, que manexados por hábiles mans, fan gozar desde Brahms a Bela Bártok.

Fermoso como unha Amanita muscaria, este texto é a mellor arenga para animar a quen se queira iniciar na micofilia, porque contén implícitos e fermoseados os principios básicos polos que se rexen os buscadores, que non son outros que a procura, tras dos días destintados e  nostálxicos que nos deixa setembro, dunha paisaxe tan solemne “como os bosques que pintou Claudio de Lorena cando levou ao lenzo a viaxe do mozo Tobías”; a admiración do distinto proceder da natureza simbolizada nas árbores perante a morte aparente ata acabaren, como as bidueiras, “que parece que derraman un tesouro de moedas antigas carolos do rei ou anxos das cidades hanseáticas, Luíses de ouro”; a necesidade de recoñecer ben nesta aventura as especies fúnxicas que se pretenden comer, aplicándolles os coñecementos e a percepción da maior parte dos sentidos; a capacidade máxica que ten a memoria para integrar as diferentes experiencias nas emocións que suscitan a natureza, as súas leis e as súas marabillas; e, finalmente, o imperativo moral de facer a boca auga co disfrute gastronómico nunha mesa case organizada como un rito, que é no que adoitan rematar este tipo de excursións.

De O sabor da terra. Encontro cos cogomelos

Esta entrada foi publicada en Artigos, Fotografía, Gastronomía. Garda a ligazón permanente.