DOS INIMIGOS (I)

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cando fales de fungos, fala dos malos

 e non terás preitos cos aconsellados.

Mais para dedicarse a esta aventura con éxito o primeiro é vencer os inimigos en boa lide e con moitísimo coidado. Para quen se afeccione a ir tras dos cogomelos, o primeiro atranco é o capricho do micelio, a parte vexetativa dos fungos escondida no chan ou mesmo na madeira, formando unha maraña á xeito de arañeira.

O micelio ou “branco do fungo”, aínda que pode ter outra cor, desenvólvese oculto e en silencio, á espreita de que chegue o momento axeitado para que hinchen unha especie de nós e boten ao exterior a parte do organismo que o vai reproducir por medio dunha especie de semente formada por milleiros de esporas. Esta explosión vital do micelio soe coincidir coa estación do outono e cos meses que lindan con el, e posibilita a aparición do cogomelo, a parte vistosa dos fungos que abandona a discreción da escuridade imitando formas de sombreiriños, pelotas, trompetas, arboriñas, paraugas, cerebros, fíos, froitas, linguas e mesmo falos, formas que se revisten de roupaxes brillantes, mates ou semitransparentes tinxidas das máis diversas cores e odorizadas con matices diferentes que van da esquisitez do anís ou dos olores frutais ata o fedor máis noxento. Cando acontece esta aparición, o monte, os prados, os camiños e algún que outro habitat menos convencional convértense en escenarios decorados que son o tal para que o outono poida desenvolver os seus mellores argumentos líricos: a caída da folla e a morte que sustenta a grande resurrección da próxima primavera. E xa de paso, e entre tanta marabilla natural, as nenas e os nenos tamén poden imaxinar como viven os gnomos. Daquela, os micófilos aproveitamos para facermos uso dalgúns destes seres enigmáticos e esquivos elevando ata o padal o exquisito sabor da terra. E poida que esaxere, pero eu adxudicaríalles aos cogomelos algo parecido ao que Wenceslao de Moraes lle apón ao guyokuró, o máis celebrado té de Uji, (O culto do chá): “Instila tais subtilezas balsâmicas de sabor, que máis parece um perfume; poderia dizer-se que uma marabillosa alquimia conseguiu liquefazer os aromas das flores –flores dos jardins, flores silvestres-, transferindo o olfacto ao paladar a impressao do gozo”.

Xa que logo, pode coincidir que vaia un tempo axeitado e que atopemos o habitat ideal para cada especie, pero só aparecerán os cogomelos se no chan hai un micelio escondido do que poidan emerxer cando chegue o debido tempero de humidade e de calor.

O segundo, é o peor inimigo de quen se dedica a recoller cogomelos: a composición química de determinadas especies. Se facemos unha apreciación dos cogomelos verbo da súa salubridade, atoparémolos mortais, tóxicos e inocuos. Só no derradeiro apartado podemos buscar os comestibles, pero existen cogomelos mortais moi sabedores, como podían comprobar os césares de Roma que falecían a consecuencia do lento  veleno que fabrica a Amanita phalloides, o máis temible e cada vez máis frecuente en Galicia. A súa toxicidade ten orixinado moitas mortes, pero está claro que isto só acontece cando os desaprensivos levan á boca todo o que atopan ou cando os buscadores se deixan enganar por falsas regras de detección da toxicidade, coma tal outorgarlle á prata, ao allo, ao vinagre ou ao amozcado dalgún bicho a capacidade de informar do contido mortífero dun fungo.

Así que non nos deixemos asustar, porque os cogomelos son recoñecibles e cadaquén só debe atreverse a andar en trato con aqueles que coñece de verdade, aínda que só sexa un. Por iso é recomendable facer as primeiras recollidas con especialistas e amigos avezados para afianzar a aprendizaxe sensorial. Pouco a pouco, os sentidos afanse a percibir as características que os definen e a confusión da especie que se desexa apañar coas tóxicas resultará imposible.

De O sabor da terra. Encontro cos cogomelos

Esta entrada foi publicada en Creación, Fotografía, Gastronomía. Garda a ligazón permanente.