DOS INIMIGOS (e II)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como a aparición dos cogomelos está condicionada polas características climáticas de humidade e tempero da calor, as grandes secas e os fríos tamén son inimigos, mentres que unhas condicións climáticas moi favorables chegan a conseguilos onde tardarán moito en se volver amostrar e nun tempo no que non se esperan. Por iso, aínda que a primavera produce cogomelos específicos, que os veráns húmidos poden adiantar o brote e que nos climas temperados determinadas especies estenden a súa presenza ata febreiro, a estación que todos identificamos cos cogomelos é o outono pola súa natural inclinación á humidade e á mornura.

Os parásitos e outros depredadores son máis avezados e veloces ca nós para catar unha ambrosía que tamén lles resulta sabedora. Eles, ademais de viviren cabo dos cogomelos, teñen a avantaxe de que non xogan a vida, pois os velenosos resúltanlles inocuos. A voracidade que os caracteriza e o seu don da oportunidade van coutar a acción do buscador con máis frecuencia da que lle parecerá xusta e tolerable.

O xabaril, ademais da habilidade de ozmar as poucas trufas que ocultan estas terras, ten forza suficiente para poñer patas arriba unha cogomeleira que considerabamos á nosa disposición. Unha tarde tiven que competir con catro xabarís. Decateime de que iamos cara ao mesmo sitio, un brote de Coprinus comatus cerca da praia de Sartaxes, cos que eu pensaba completar unha ensalada. Tratei de lles adiantar por un atallo, pero chegamos xuntos. Os cinco comprobamos o bo estado do magnífico putuñeiro de exemplares sen nos asustarmos mutuamente. Como eu insistín en quedar para, polo menos, saber como organizan un banquete, aos poucos minutos seguiron cara a Penaouceira, deixándome o campo libre. Esta historia de ir eu cun cestiño canda catro xabarís buscando a mesma seteira non ma cre ninguén, pero tanto me dá. Non por non se creren as cousas deixan de seren certas.

Os esquíos, cada vez máis frecuentes nos bosques repoboados de piñeiros, esconden os cogomelos que non podrecen como reserva para o inverno. Os coellos e os ratos do campo tamén lles roen o sombreiro con frecuencia.

As larvas minúsculas dalgúns insectos tradan os cogomelos ata deixalos ocos cos seus recoveques e galerías. Afortunadamente hai algunhas especies non parasitables, que xa é un alivio. Só a discronía que producen algúns outonos secos na marcha normal das cousas nos permite catar os primeiros Boletus edulis sen nos teren eles tomado a dianteira.

As lesmas son moi devecidas por todas as especies e, a pesar da súa cachaza, soen chegar antes ca nós ao lugar oportuno para catar os mellores exemplares no seu mellor momento, como se conservasen un aire do antigo dereito de pernada que lle tocaba ao señorío. Os mesmos fungos poden parasitarse entre eles, producindo algún estrago, pero nada é comparable co desacate do xabaril, e a teimosía dos vermes diminutos e das lesmas.

A falta de respecto ao medio ambiente pódenos confundir ata pensarmos a unha certa distancia que a especie tras a que andamos, coma tal a apetecible Amanita cesarea, puidera aparecer baixo dun carballo. E somos felices ese intre marabilloso que dura a carreiriña para lle ir ao encontro. Ao nos achegarmos a admirar, ¡por fin!, as cores vermellas e amarelas do preciado e escaso manxar que recibiu o nome por ser o cogomelo preferido dos césares, descubrimos que tampouco desta xeira o conseguimos. Era unha lata de Coca-cola, unha bolsa de plástico, un xoguete desmembrado, un break de zugo de froita ou un envase de patacas fritas.

Pero a sensación máis triste, desoladora, lévase coas cogomeleiras arrasadas polo lume que acaba cos micelios. Aínda que algún cogomelo pode brotar en piñeirais queimados, como tal o Cantharellus carbonarius, o lume só favorece os cogomelos cando foi domesticado na cociña.

E, xa por último, quero dar conta da importancia que teñen nas nosas frustracións as lexítimas decisións dos donos das fincas. Podemos mantelos escondidos para a nosa exclusividade no mapa imaxinario do desexo, pero un día descubrimos que, na ausencia que propiciou o retiro do micelio, cambiaron unha parede, talaron un piñeiral, modificaron un camiño, construíron unha casa ou non fixeron a limpeza necesaria para poder transitar pola toxeira. E isto sen contar con que a casa propietaria dun terreo decidise estabular o gando ou prescindise do últimos équido, que daquela temos que dar os prados por orfos de agaricus e lepiotas. Pero así é a vida e o destino do que, por outro lado, nin sequera nos pertence.

De O sabor da terra. Encontro cos cogomelos

Esta entrada foi publicada en Artigos, Fotografía, Gastronomía. Garda a ligazón permanente.