A CASA DA AVOA

(Fotografía xentilmente cedida polo lector que a identificou con este poema)

 

Á casa levantada entre as escumas e os recantos verdes,

toda de mar,

nunca volvía el.

 

E, ausente,

mandáballe paxaros

polo lombo das tardes de vento sosegado

a deixar rechouchíos

riba da espera,

porque ela estaba alí

debruzada na artesa do silencio

en ceifa sen aromas nin sabores

de estación florecida.

 

Mais no vello xardín cultivaba roseiras

e bugambilias

porque agardaba sempre pola solemnidade

do canto das sereas

que anuncian amencidas

brancas como pantasmas.

 

Daquela, cavilaba,

debería subir

e colocar na cama

as sabas espilidas cada noite de Lúa

polas mans das estrelas.

 

De Álbum de fotos, 1999

Esta entrada foi publicada en Creación, Poesía. Garda a ligazón permanente.