FILLOAS E FEIXÓS

 

Por ter nacido na terra ancaresa distingo entre filloas e feixós, diferenciación cada vez máis difícil, pois aos feixós xa lles chaman filloas en case todas partes e a algunhas filloas apóllenlles que son de sangue, cando o sangue sempre lles foi propio. Sei que é batalla perdida, case nominal, porque imos contra o tempo de facer sufrir un animal para matalo e de comer algo tan especial como é o sangue. E, por outro lado, están a desaparecer as variedades para chegar a estándares no mercado mundial. Neste movemento igualador estanse a perder as variedades de case todo, incluída tamén a lingua.

As filloas eran estacionais, unidas ao entroido, por estar próximas inda á matanza do porco e conservarse o sangue por un dos procementos máis antigos: a abundanza do sal que pode mantelo en boas condicións ben tapado en botella máis dun mes. Hai que destacar que o sangue ten que ser conservado líquido, característica que esixe recollelo quente á saída da gorxa do porco nun caldeiro e seguilo batendo nunha soa dirección ata que enfría, tempo que inda sendo en inverno non baixa de 15m. É unha colleita que esixe esforzo e ánimo, que non está para calquera, que se convertía en ben comunal pois repartíase e así ía habendo cobertura para unha tempada. Hoxe temos un novo xeito de conservar co frigorífico, pero as formas adozadas de matar, non son proclives a esta recollida que desaparece arrastrando un dos produtos estrela da nosa sobremesa invernal.

A proporción de sangue no amoado viña sendo de un cuarto a un tercio, que se completaba con auga e mesmo algo de leite. O resto de elaboración era como o dun feixó: tixela que dera ben, touciño para untar en cada uso, mans expertas e sufridas para voltear e almacenamento nun prato. Comíanse preferentemente mornas: soas, con mel ou con azúcar. Miña nai facía un almíbar moi rico ao que lle botaba manteiga de vaca. Ilas mollando enroladiñas nun cunco do café era un dos atrativos máis prezados desta sobremesa achocolatada na súa presenza.

Os feixós son de calquera tempada, pois non esixen ningún ingrediente gobernado polo calendario. Mesmo están de moda para substituír os canelóns e eu non digo nada, inda que me dan lástima metidos na vulgaridade que pode resolver outra pasta. En canto á moda de lles plantar un copete de nata montada, que vou opinar eu! Que o feixó –e chámenlle filloa xa sen remordemento- está moi ben como toda a vida. Que calquera outra maneira de tomalo non paga a pena. Pero que faga cadaquén un pandeiro dos seus gustos. A xente de antes somos moi rara. A min interésame experimentar na cociña, máis hai uns pratos case sagrados cos que non me atrevo, porque quen sairía perdendo son eu.

Esta entrada foi publicada en Artigos, Gastronomía. Garda a ligazón permanente.