DA CORESMA

Finalizaron onte as carnestolendas e o mércores de hoxe comezaba cunha misa na que o cura impuña unha cruz de cinsa na afronte recordándonos que non somos nada. E non eramos nada, comezada a coresma. Nin festas, nin bailes, nin vodas, nin alegría… Nin nada que recordase a carne -inimiga da alma- nos escaparates das corseterías e similares, nin achegamento entre esas impúdicas carnes humanas… Cruzabamos o deserto canda Xesús de Galilea no que non se facía vida social nin se mostraba alegría. Xexún e abstinencia da carne nas comidas, que xa non a había… Porque os que eran alguén, seguían sendo alguén tamén en coresma.

Na casa sabiámolo porque non traían roupa a facer e cosíase pana para vender feito moi barato, se había algún diñeiro para investir, que non sempre quedaba no caixón. E o papá tampouco tiña bailes para o seu acordeón, que era unha fonte complementaria de ingresos. E para poder comer carne os venres había que ir mercar a bula onda o cura. A bula (buldra para a paisanía) era un privilexio eclesial de España que viña de todas as súas tropelías, a última a de facer unha guerra e un xenocidio do que hoxe inda miles de corpos están en fosas comúns localizadas ou perdidas. Aquela Bula de la Santa Cruzada administrábaa o cura e, polo tanto. el sabía quen a mercaba e quen non. E non cumpría estar a mal coa Igrexa.

Na miña casa non se compraba. E eu, que era moi relixiosa, veña a chorar os venres porque nos iamos condenar todos xa que, ademais, non se seguía tampouco a vixilia ao pé da letra. Chorar por isto, porque cosíamos o día de San Pedro, chaveiro do ceo, porque meus pais non ían á misa e, no caso de que eu lograse salvarme con rezos de nena reparadora e Filla de María, no reino que non é deste mundo non poderiamos estar xuntos… Canta choreira sen explicar en voz alta.

-Que lle pasa a esta pequena que anda chorimicando todo o día?

-Non o di. Pero enferma non está. Será calquera cousiña.

E veña preguntar sen ter resposta. Porque a resposta arrepíabame dála.

Hoxe son eu a que recordo soa que son terra e que me hei volver terra. Ou mellor, que son materia que ha volver ser materia. Pero tamén penso que vou quedar nas cousas que quixen e quero, e que non é posible que desapareza de todo tendo deixado pegadas sobre os camiños, cariños sobre a xente, letras sobre o papel. E pénsoo porque xa mo dita o corpo con toda a naturalidade. O que exista despois, xa non me preocupa.

Non hai como ir chegando a vella para ter sobre as cousas unha visión nova e mesmo alentadora.

Esta entrada foi publicada en Creación, DOS TEMPOS IDOS, Fotografía, Narración. Garda a ligazón permanente.