POEMA-HOMENAXE A XOHANA TORRES

 

XOHANA TORRES[1]

 

Ti, soedá, palabra, ti sabías

dunha simple medida que non crece.

                               Xohana Torres

 

Contigo, Xohana, vou detrás da voz.

Chámoa polo seu nome, como a un neno.

Chámolle tarde

e sol

e mar

e cemiterio

e moitas veces.

Fóxenos coma un cervo

e vai moi lonxe

e pérdese

na ingravidez dos ecos.

Cando chega de máis lonxe de onde non sei

escóndese.

E faise noite.

É a soedade.

 

A miña voz,

a que fuxiu coa túa,  é o silencio

dun soñado baúl de bolboretas.

 

[1] En Festa da palabra silenciada, nº, 4, 1987

Publicado en Creación, Fotografía, PAISAXES, Poesía | Deixa un comentario

A MORRIÑA E A RETRANCA

A morriña e a retranca son dúas características que se nos atribúen e algo diso debe haber, como di a nosa paisanía ante a evidencia, demostrando xa que, efectivamente, algo hai. E, estando radicadas unha nos sentimentos e outra na razón, creo que veñen sendo a mesma cousa: o noso xeito aprendido e xa herdado de reaccionar fronte á adversidade.

Sentimos morriña, forte e inconcreta sensación que habita na profundidade persoal, porque notamos que nos falta algo, porque tememos que nos vaia faltar algo, porque nos arrebataron algo… Adoita sentirse fóra da terra porque nos tivemos que transplantar.

Marchar é arrincarse da terra coma unha árbore

e transplantarse noutra.

Deixar o souto, a fraga, a carballeira,

a horta, o prado, o monte…

e buscar acomodo noutro sitio

lonxe e descoñecido as máis das veces.

É cambiar de paxaros e de ventos,

de chuvias de nevadas e de brétemas

polo que queira vir pousar en nós.

Levar as landras, as mazás, as noces…

a caer noutro chan onde as recolla

quen non nos viu nacer nin ir arriba.

 

Marchar é arrincarse,

e levar esa  terra que queda nas raíces

para facer  raigame en terra allea,

para que o corazón siga latendo

e a memoria se abrigue nas querencias

que quedaron atrás.

 E a  ver se a terra allea se fai nosa.

 A  morriña é un estado de ánimo dorido e paciente, por veces incurable. A morriña é o cravo rosaliano sen o que nos sería difícil sentir a vida.

 

Pola contra, a retranca é unha resposta automática e activa que ten poderes sobre calquera frustración. É a nosa sanación polo humor noso co convencenmento de que non nos farán tragar rodas de muíño, de que nos non enganará xa ninguén, de que poderemos afrontar coa palabra intelixente calquera desfeita que quixera vir en contra.

 

Publicado en Artigos, Creación, Fotografía, LITERATURA, PAISAXES, Poesía | Deixa un comentario

OASIS

A chuvia nas pucharcas fai oasis

do deserto que cruza as nosas vida.

Publicado en Creación, Fotografía, Poesía, POESÍA MÍNIMA, XOGOS DA NATUREZA | Deixa un comentario

PENAS DAS RODAS

Telúricos xigantes que nos velan
termando do pasado e do futuro.

Publicado en Creación, Fotografía, MITOLOXÍAS, Poesía, POESÍA MÍNIMA, XOGOS DA NATUREZA | Deixa un comentario

OS FILTROS DA BELEZA

Hai que apartar os filtros da beleza

que tende a falsidade protectora.

Publicado en Creación, Fotografía, Poesía, POESÍA MÍNIMA | Deixa un comentario

VOO

Sen puntos cardinais e sen temón o instinto

fuximos cara a luz que non se atopa.

Publicado en Creación, Fotografía, Poesía, POESÍA MÍNIMA | Deixa un comentario

O MEU ENCONTRO LITERARIO COS ANCARES

O meu encontro literario cos Ancares aconteceu sendo nova a través da lectura de La Leyenda de Gösta Berling, da premio Nobel sueca Selma Lagerlöf, un volume inmenso e descoidado, impreso en mal papel, falto de ilustracións, con bastantes erratas e letra miúda; é dicir, carente de todo atractivo externo. Pero cando traspasei o limiar que me poñía a proba, entrei con paso firme nos meus Ancares e quedei prendida por aquela longa lectura.

Nela topaba cun mundo exótico, que curiosamente estaba próximo e eu xa o habitara. Gösta Berling, a comandanta de Ekeby, Berencreutz, Mariana Sinclaire, o pastor de Broby, a tía Gustava (alí tamén se lles chama así ás persoas anciás), eran personaxes moi parecidos a esta nosa xente. O único diferente era o Gran Oso de Gurlita, que só se podería matar con bala de prata, e inda así, era oso como os que se viran polos Ancares, aquelas montañas que serviran de fondo á ventá do meu cuarto.

Xa que logo, Os Ancares  eran, en certa medida, unha réplica dos bosques de Vërmland que acochaban os compoñentes animados e inanimados, naturais e culturais que desenvolvera Lagerlöf aló no norte de Europa. Aquel gran espazo literario que eu viña de descubrir podía localizarse no pequeno mundo que eu quería tanto. O guilfo pestifle, a neve, os osos, as pitas do monte, os lobos… As igrexas e os cregos, as ferrerías e os ferreiros, a queima de carrochas e os carboeiros… Mesmo me parecía ver entrar na xastrería o carboeiro ofrecendo outravolta combustible para a plancha de ferro. Creo que daquela lectura me ven o costume de buscar os parecidos da xente do común cos protagonistas de ficción.     O que acontecía nas numerosas páxinas do libro que eu devoraba tarde a tarde estaba alí.

Os bos e os malos, intercambiando os papeis segundo as circunstancias llelo requerían, non só tiñan un comportamento comprensible, senón que se podían homologar cos clientes de meus pais, cos paisanos cos que eu convivira e coas súas historias. Eu coñecía un montón de homes e mulleres que representaban no escenario da vida esta novela excelsa de Lagerlöf sen ensaios nin transformacións.

Cando  no ano 2004 tiven ocasión de visitar a Noruega do norte, deime conta de que Os Ancares volveran acompañarme agora ata Escandinavia, inda que fosen os irmáns menores daquelas impresionantes montañas.

Publicado en Artigos, Creación, Fotografía, LITERATURA, PAISAXES | Deixa un comentario

RUÍNAS TRANSLÚCIDAS

Afagamos os ollos a que vexan

as ruínas mostrándose translúcidas.

Publicado en Creación, Fotografía, Poesía, POESÍA MÍNIMA | Deixa un comentario

A POMBA DO RÍO

Se o río a fixo pomba, por que o vento
non a libra de ter pedra nas alas?

Publicado en Creación, Fotografía, Poesía, POESÍA MÍNIMA, XOGOS DA NATUREZA | Deixa un comentario

OLLO DE PONTE

A ponte baixa un ollo
para que o río chore.

Publicado en Creación, Fotografía, PAISAXES, Poesía, POESÍA MÍNIMA | Deixa un comentario